No fondo

17-03-2013
Aventuras novela
0
1
0
1
0
Despois do maremoto Xiana e os seus amigos sobreviven na clandestinidade recuperando cousas que quedaron aló no fondo.
Comienza a leer
17-03-2013
Aventuras novela
0
Despois do maremoto Xiana e os seus amigos sobreviven na clandestinidade recuperando cousas que quedaron aló no fondo.
Capítulo 1. O comezo
Andaba dando unha volta polo Campo Volante, aproveitando que a marea estaba baixa, que os chiringuitos estaban moi ben e que había moitos turistas, que non facían máis que vir turistas e algo pillaría... de traballo quero dicir, porque é que eu estaba no paro. Bueno vale, pillar do outro; xa que non me credes que cobrando por non facer nada quería facer algo, pois terei que dicir a verdade, pero era máis interesante o outro.
O caso é que andaba distraída, mirando para un lado e para o outro, había moito persoal que cho digo eu, e había familias con nenos e cans e gatos, bueno ¡unha festa! Total que andaba moi distraída mirando para atrás mentres camiñaba cara adiante, é dicir, toda retorcida, e cando fun poñer a cabeza na mesma dirección que as pernas empotreina contra un corpazo ¡que corpazo mimá! Era Ramón, seguía tan grande como o lembraba, grande fisicamente quero dicir, non é que fose a luz que iluminaba o meu camiño nin nada diso.
Ó tropezar con el, cando aínda non mirara cara arriba para lle ver a cara e como unha estaba no paro pero ten a súa educación pedín perdón, o normal nestes casos vamos, e el dixo:
¡Estás bébeda Xiana!
En realidade non dixo isto, é unha homenaxe a frase “Estás bébeda Sue Ellen”, porque me fai moita gracia e porque me apetecía poñelo aquí. O que de verdade dixo foi:
Nada, tranquila, non foi nada, ben vin que ías distraída. ¡Hostia Xiana! ¡Es ti! Canto tempo tía, ven tomar algo con nós e falamos.
E fun, por tres motivos fundamentalmente:
1º. Porque saíra de pesca e había moitas posibilidades de pescar, ou mellor dito de repescar algo.
2º. Estaba cansa, que xa andivera moito.
3º. Era GRATIS.
Íamos cara unha mesa na que había outros dous homes agardando, como estaba a uns metros e teño unha axilidade mental incrible doume tempo a pensar, non é por presumir, é que é así:
1º. Que sorte atopalo de novo despois de tanto tempo así por casualidade ¡que fortuna! ¡que alegría!
2º. ¿Se xa viu que ía distraída... como era que non apartou para non chocar? e, en conclusión ¿foi unha casualidade que chocásemos?
E xa chegamos a mesa. Si non pensei máis que dúas cousas, é que só eran uns metros, tampouco hai que poñerse así. Alí estaban Paco e Alberto, sóubeno porque mos presentou non é que os coñecese nin que levasen o nome escrito na cara, non.
Alberto era guapo, pero dos de verdade, con sorriso de campión incluído. Paco non, podo dicilo máis suavemente, pero é así, non era guapo. O que si tiñan en común os tres, porque Ramón guapo tampouco era aínda que tiña o seu punto, era un aquel de caraduras e descarados que os facía moi atractivos. Pensaba que fora parar a aquela mesa pola casualidade de aparecer polo Campo de Marte; pero non, a medida que transcorría a conversa funme decatando de que a cousa tiña máis fondo.
Ramón comezou a conversa cun sutil e casual “esta é a escritora” mentres sentabamos. Eu, claro está sentei de golpe, non era para menos, non esperaba que el lese a novela aquela e nin moito menos que se recoñecese baixo o nome do protagonista. Era obvio que me enganara, non o soltaría así de súpeto nin con aquel recochineo de non facelo. Pois estábamos ben, practicamente lle declaraba o meu amor eterno entre outras cousas máis avergoñantes aínda. De todos os xeitos os seus amigos non fixeron moito ademán de querer afondar na ferida, de feito despois todo foi moi natural e non houbo máis mencións ó tema literario. Ramón estaba actuando como o típico coruñés que está facendo de anfitrión dos típicos madrileños, é así, non lle hai que facer, a min gustábame o tío pero é así; o caso é que lles comezou a explicar todos os tópicos mentres picaban nunha ración de polbo á feira porque non sei que lles da co polbo á feira, será o mesmo que me da a min cos rollitos de primavera nos chinos, eu seino.
E comezando así a cousa era cuestión de tempo que a conversa pasase nalgún momento pola historia do tesouro. Que non era certa, quero deixalo ben claro, pero pasa o mesmo cando afunde un barco, xa pode levar eucaliptos ás celulosas que unha vez afundidos sempre teñen unha caixa forte chea de cartos. A ver, eu seguro, seguro tampouco sei se é certo ou non; pero o instinto natural é o de dicir que non cando outro lle está dicindo que si a uns turistas para deixalo quedar mal. Total, que llo estaba contando pero mal, mirade, vale que fose unha lenda pero había que contala como era, sendo fieis á tradición oral, ou senón que estea calado.
Non foi no Banco Megainternacional que foi na Caixa Universal – especifiquei.
Si, iso – dixo Ramón case sen parar de falar, é dicir sen interromper o relato da lenda do tesouro.
Pero na súa historia todo eran imprecisións, e tíñao que interromper a cada pouco que aquelo era un desastre.
Bueno, pois cóntaa ti – dixo Ramón todo enfadado, moi sexi, iso si, pero enfadado enfadado.
E así o fixen, non porque mo dixera el, senón porque se hai que contalo pois cóntase ben ou non se conta.