Descarga gratis 10 libros

y consigue premios y promociones exclusivas

Regístrate

Comienza a leer

Iniciar sesión con Entreescritores

¿Has olvidado tu clave?

Crear una cuenta nueva

Libros publicados

 

Primer capítulo

Capítulo 1

 

A pouco de cumplir os trinta decidín que era hora de comezar a vivir a miña vida e abandoar o fogar materno; non foi unha decisión provocada polas miñas ansias de liberdade, nin a idílica relación materno filial a que a aplazou. En realidade foi unha cuestión financeira, levaba máis de dous anos traballando de asesora telefónica, teleoperadora, en Faimecaso Telecomunicacións, e aínda que o soldo non era moi grande a miña xestión milimétrica permitiume chegar nese período a uns cantos miles de euros; pese a que, todo hai que dicilo, aportaba algo á unidade familiar, non moito, tamén hai que dicilo; e pese a que me permitía certos caprichos de cando en vez.  Non me interesaba en absoluto vestir de temporada e, a parte de ir todos os sábados ó cine e sair algún que outro cás amigas, tampouco tiña maiores gastos. Levaba unha vida bastante cómoda, tanto que chegou a afogarme; o traballo non me desgustaba, de feito ata me gustaba, xuntabas un monte de anécdotas e entre unhas e outras revirábamolas todas e partíamonos á conta dos clientes; eles facían outro tanto con nós seguramente. Pero de cando en cando asomaba a pantasma do fracaso e amargábame. Supuxen que era un aviso para que cambiase de vida, un sinal; así que un día antes de ir traballar fun ó banco preguntar polas hipotecas para saber a que pazo podía aspirar. Saín fría, cá metade do meu soldo hipotecado ata a xubilación, e de pazo nada. A punto estiven de chamar ó meu amigo Xan e pedirlle asilo político en Londres, onde el vivía, pensando en que ó mellor alí o meu futuro profesional podía ser un pouco máis alentador. Pero non o fixen, e non so porque me daba vergoña que sempre me andivese sacando as castañas do lume cando a miña vulnerable persoalidade se atrancaba; non, tamén o fixen porque... porque no fondo rebentábame ser vencida pola adversidade,  non vía porque tiña que abandoar a "miña terra"  pola inconsciencia da política do vai ben do pasado. E eu que saberei, era moi pequena.

 

Nos oitenta do século pasado meus avós viñeron da aldea buscando un futuro mellor para a súas fillas, e para eles, claro está. Miña avoa sempre pensou que o futuro dunha muller pasaba por unha boa educación e iso sempre foi prioritario para ela; miña nai e miña tía foron as primeiras licenciadas universitarias da familia; miña tía é directora dunha clínica de luxo en Madrid e miña nai traballa nun banco desde que rematou a carreira, se quixera podía ser directiva pero tería que renunciar ó seu posto no sindicato, e como creo que lle gustaba máis o de guerrear que o de denegar préstamos, así lle vai. Así coñeceu ó meu pai, guerreando. Supoño que se coñecerían nunha lea desas que se organizan entre uns e outros; moito non pregunto, aínda lembro cando me dou por preguntarlles como despois de ter a meus irmáns, trillizos (dous nenos e unha nena) e dada a apurada situación económica que eu supoñía estarían pasando, fixeran o cálculo para un e sairanlle tres,  me tiveran a min ós dous anos; púsoxelles tal cara de lascivia que daba noxo e non quedei a escoitar a resposta, así que me supoño a celebración dalgún éxito político ou algunha carallada parecida.  A verdade é que se o que pretendían era evitar que me inmiscuise na súa vida conseguírono e moito máis eficazmente que os pais dos meus amigos con dicirlles iso das cousas de maiores. Vivíamos na casa dos meus avós, en Monte Alto, meu avó xa había que morrera e miña avoa vivía no baixo, onde había anos tivera o ultramarinos, aínda ule a froita ó entrar; agora adícase a vivir a vida e a coidar as plantas do patio, que da xenio velas. Nós vivimos no primeiro e María, miña irmá e máis a moza  no segundo. Meu irmán, Pedro, cá  moza en Pontevedra e Oscar nas Canarias, esta temporada, porque  está estudiando non sei que no Teide, supoño que como vivir coma Dios, el di que é unha investigación científica, eu non lle creo nada.

 

Cando falei de mercar piso, miña avoa comezou a darlle voltas á idea de marchar para a aldea cá bisavoa e deixarme a min o baixo; pero eu vin demasiado encantados a meus pais e aquel sacrificio comezou a cheirarme máis  a control que a amor fraternal. E moi sutilmente, iso si, moi sutilmente comecei a facer comparacións tipo paseo marítimo-corredoiras, praia a dous minutos-ter que coller sempre o coche, amigas-bisavoa. Pronto se lle esvaeceu a imaxe bucólica do campo en fin de semana e xurdiu a da recollida das patacas ás catro da tarde da súa mocidade; porque o das plantas do patio era por divertimento pero o das patacas... despois de todo a aldea estaba a duas horas en coche e podía ir cando quixera, e miña bisavoa estaba moi afeita a gobernar.

 

A min non me gustaba a aldea, non era pola bisavoa, nin pola herba, nin polas vacas, aínda que unha me turrara unha vez; tampouco era polas galiñas, nin polo misterioso raposo que sempre viña cando eu non estaba vixiando. Era, era, era polo mesmo que non me gustaban as clases de lingua galega do colexio, era porque... porque me chamo Leire. Non, se o nome é moi bonito, iso me contaba miña nai cando me enfadaba; pero en canto poñía un pe fóra da porta e viñan os outros nenos có de “Leira ¿ves xogar ou tes vacas pacendo?” a min medrábanme os morros cousa fina; a miña prima Elena sempre viña por min e dicíame que non lles fixese caso, daquela eu deixaba de chorar e pasaba todo, ata que discutíamos por a quen lle tocaba apandar nas agachadas e volvía a sair o tema agrario; por se fose pouco a avoa á minima chamábame Leiriña e meus irmáns contábanllo ós outros e festa de novo. Por sorte a bisavoa nunca criu que ese fose o meu nome, o día do bautizo pensou que meu padriño lle tomaba o pelo e non lle preguntou máis para que non rise á súa conta, así que para ela  son Nena, algunha vez téñoa cachado estudiando o meu nome escrito nalgún libro da escola que lles deixaba ós pequenos.

 

Si, o responsable do meu nome é meu padriño, o irmán da avoa, el máis a bisavoa son os meus padriños. El non vivía aquí, emigrara de moi novo traballar ós Altos Hornos en Bizkaia, e aló viviu sempre, viña no Nadal e un par de semanas polo verán, e claro polo meu bautismo, claro. Para min aquel era o home máis malo do planeta, o causante de todos os meus males, din que a memoria non pode retroceder moito máis aló dos catro anos, non o sei, pero creo lembro perfectamente o día que a voz me dixo "dille ola ó teu padriño". Non lle dixen ola, ¡e unha merda lle ía dicir ola! ¿ola? ¿que lle dixese ola? ¿o gilipollas que se lle ocorrera chamarme Leira? porque o nome remataba nun "e" pero a fonética non era o forte daquela xente. Lémbrome cá cabeza baixa, có fuciño ata o chan e mirando cara arriba. Era moi grande, moi alto, erguín algo a cabeza, pero non lle daba visto a cara, lembro que tiña un parecido perigoso con aquel xigante de cor verde que viña nos botes do millo que me facía comer miña nai cá ensalada. Ademais traballaba nos Altos Hornos, que me dixeran os nenos que era onde o demo queimaba as nenas que choraban. Volvín baixar a cabeza, todos insistían en que lle dixese ola, vaia antollo que tiñan; andiven todo o día cá cabeza baixa cando el andaba preto, coñecíalle os zapatos, controlábaos, parecían apisonadoras. Era Nadal e ós nenos sentábamos xuntos nun lado da mesa para que os maiores poidesen falar sen que nos enterásemos de moito, como ninguén se metiu conmigo relaxeime, despisteime e mireino á cara, pois non parecía tan malo, el viume e sorriu, daquela eu cá vergoña baixei a vista e dei un lazo negro que levaba onde meu avó poñía un caravel branco, aquelo non podía ser boa cousa. De regalo de Nadal trouxérame unha caixa de madeira, coma as dos debuxos de piratas; non, se todo cadraba, e traía un fecho pequeniño e díxome algo que a min naquel momento me dou igual "cando sexas grande heiche dar a chave" a min tanto me tiña, si ho que ía abrir eu aquelo para que me saíse un dragón ou aínda peor un home gordo e calvo que me convertise en sabe Deus que. El marchou ó día seguinte con meus pais. Nos quedábamos cá bisavoa ata Reis, cando nos viñeron buscar meus pais fixen coma que me esquencía da caixa

 

¡Nena! - a bisavoa - que che esquence a caixa che trouxo teu padriño

 

¡Que se lle ía facer! Levábaa coma se fose un cargamento de uranio; a Pedro os Reis trouxéranlle  uns libros de debuxar, a Oscar unha bici e a María uns patíns en liña... e eu con aquela caixa. Sen embargo todos me miraban coma se fose a máis afortunada, era porque eles non sabían como sabía eu que era unha caixa encantada. Miña nai púxoma na mesiña de noite e cada vez que facía limpeza paraba a darlle brillo nos apliques de latón facéndoos brillar coma o ouro. Acabei afacéndome a ela e como naquel tempo non notara desmelloría ningunha nin o acoso ó meu nome empeorara, tampouco me molestaba tela alí. Ás veces, cando miña irmá se metía conmigo ameazábaa con abrila para que a comese o bicho grande que estaba alí agachado.

 

Cando fomos pasar o verán quedei soa no sobrado, ó baixar escoitei a miña avoa que lle dicía ós meus irmáns  que se lembraran de non meterse có meu nome e menos cando estivese o meu padriño diante, que nin se lles ocorrese. Ela estaba moi seria, os nenos calados e moi formais dixeron todos que si. Pero tan pronto coma os meus pais, a avoa e demais autoridade marchou e quedou só a bisavoa as cousas volveron ó de sempre. Un día que estábamos xogando a songoku e lancei unha onda vital para deixar k.o a Pedro, todos se volveron na miña contra porque dicían que eu era moi pequena para lanzar ondas vitais, aleguei que songoku tamén era moi pequeno, e a que se armou, cando comezaron có da leira, campo con xurro e comida de vacas escomecei a chorar e corrín cara a casa, sentado no porche estaba o meu padriño

 

Ola, Leire - el, sorrindo - ¿que che pasa? ¿por que choras?

 

Eu calada, enfuciñada


5% de descuento para los lectores de entreescritores.com en casadelibro

5% de descuento para los lectores de entreescritores.com en casadelibro

Comentarios