Descarga gratis 10 libros

y consigue premios y promociones exclusivas

Regístrate

Comienza a leer

Iniciar sesión con Entreescritores

¿Has olvidado tu clave?

Crear una cuenta nueva

Libros publicados

Memorias de antes do encoro

Memorias de antes do encoro

23-04-2014

Histórica novela

  • Estrella vacía
  • Estrella vacía
  • Estrella vacía
  • Estrella vacía
  • Estrella vacía
12
  • Estrella llenaEstrella vaciaEstrella vaciaEstrella vaciaEstrella vacia  0
  • Estrella llenaEstrella llenaEstrella vaciaEstrella vaciaEstrella vacia  0
  • Estrella llenaEstrella llenaEstrella llenaEstrella vaciaEstrella vacia  0
  • Estrella llenaEstrella llenaEstrella llenaEstrella llenaEstrella vacia  0
  • Estrella llenaEstrella llenaEstrella llenaEstrella llenaEstrella llena  12

César Acosta, criado en París e fuxindo dun desamor, viaxa por primeira vez á Galiza para coñecer a terra do seu pai, morto recentemente.
Alí coñece a Cárlos Díez, un taxista sen carné, compañeiro nunha investigación inesperada que os levará a unha chea de sorpresas sobre a vida que levou Dimas, "O Billares", nunha Galiza rural esquecida e asolagada baixo dun encoro, e na que as ras de origami terán unha importancia capital.

 

ENTREVISTAS:

“Hay escritores antena y escritores foco”

Leer primer capítulo

 

Primer capítulo

1.- Anaco do diario da Delia

21 de xuño de 1940

Onte, Dimas, ó entrar no Casino de Taboadela dos Viños, saudou, como decote, ó dono Luís, ó seu fillo Cándido e á súa filla Marceliña.

Luís, sempre ledo e sorrinte, tiña ese día o rostro grave e algo apesarado. A súa cella unicella semellaba a piques de se partir en dúas pola forza coa que poñía cara de non. E non era mellor a expresión nas cariñas dos seus fillos. Se non de terror, si dun medo atroz.

Ó mirar Dimas cara á dereita, no lugar no que esperaba ver unicamente unha mesa de billar, sorprendeuse ó ver o Casino enteiro tomado por soldados e outros homes que non eran soldados, aínda que tamén vestían uniforme, de cor azul, e levaban armas nos cintos. O local era grande e arredor da mesa de billar había espazo abondo como para xogar sen ter que torcer os tacos. Dous soldados botaban unha partida e o resto repartíase pola sá, en pequenos grupos, fumando, bebendo e charlando animosamente. Xamais vira Dimas tanto soldado xunto.

Acercouse á barra e pediu un viño. Mentres o Luís lle servía o líquido violáceo na pequena cunca de cerámica branca, case que cha, Dimas fixo un xesto cara os soldados coa testa e o Luís encolleuse de ombreiros coa mirada triste.

—Sabes si funciona o coche de liña para Lugo?

—Eiquí ninguén sabe nada de nada e se preguntas mírante coma se foras un criminal ou quixeras pelexa —respondeu o Luís nun murmurio—. Desde que terminou a guerra isto é así case cada día.

—Vin preguntar polo meu tío, polo pai da Delia e por outros da aldea que levaron nun camión militar fai catro anos... Dixéronme que fose a Lugo porque os ían xulgar —dixo Dimas tamén cun fío de voz—. PAREZ QUE VAI FACER CALOR ISTE VRAO —engadiu en voz alta para que o oísen os soldados.

—PAREZ QUE NOS IMOS QUEIMAR, SÍ —replicou o Luís case que berrando— eu de ti non iría a Lugo —engadiu en voz baixa—, están perigosas as estradas... Nas cunetas seguen aparecendo cadáveres de paseados cada día e hai controles cada pouco... Pensa que o Lamela tenche ganas.

—Vou ter que ir. Non hai outra maneira de saber do meu tío. Ó mellor estes pódenme dicir algo…

—Non vaias…

Os soldados que xogaban ó billar acabaron a partida. Dimas, ignorando a advertencia inacabada, viuno e preguntou:

—Pódese xogar?

Un dos homes de uniforme azul dirixiu a mirada cara Dimas, puxo en pe o seu enxoito metro oitenta e pico de estatura e, sorrindo con certa soberbia, contestou:

—Se sabes…

—A 40 carambolas? —preguntou Dimas.

—Que sexa a 30! —respondeu, altivo, o de azul defendendo a súa parcela de poder.

Os soldados que acababan de xogar sentáronse a carón dos compañeiros e todos dirixiron as miradas cara á mesa de billar. Desertores do arado, sorrían con actitude chulesca diante daquel aldeán paiolo que se atrevía a xogar unha partida có recén estreado xefe local do Movimiento. A pesar das súas caras famélicas e cansadas, das súas testas inzadas de piollos, dos seus berces aldeáns de subsistencia, idénticos ós do Dimas, o uniforme ou as armas, ou entrambas cousas, parecíanlles inferir unha súbita amnesia sobre todo o que a súa vida fora con anterioridade.

A cara que coroaba o uniforme azul, contra a que xogaba Dimas, éralle moi familiar, como si xa a tivera visto antes. Pero o pelo rapado, a cara chuchada e cuberta de po, a barba de catro días, a pucha roxa no ombreiro e o aspecto que da o uniforme, impedían a Dimas situar con exactitude o lugar onde coincidira con aquela faciana.

Comezou a partida o falanxista. Fixo tres carambolas seguidas e fallou a cuarta. Tocoulle a vez ó Dimas e fixo oito carambolas seguidas, fallando a novena pero deixando as tres bolas en ringleira. O falanxista fallou o seu tiro e volveulle tocar ó Dimas que realizou dez carambolas seguidas. Cando o xefe local do Movimiento ía facer o primeiro tiro da súa quenda, camiñando derredor da mesa, pensando na xogada que ía facer, dixo:

—Tres a cero!

—Como? Imos tres a dazaoito!

—Non rapaz. As carambolas son a tres bandas —a sa rompeu en sonoras gargalladas.

—Iso hai que dicilo antes de empezar a xogar!

—Mira, roxo de merda, si non sabes xogar non xogues. Xa te advertín antes. Non veñas eiquí a nos dicir como se teñen que facer as cousas… Xa lle demos o seu ó teu tío, non queiras tragar o mesmo xarope que il —dixo, pasando o taco da súa man dereita á súa man esquerda e levando aquela á funda de coiro da pistola.

—Que sabes do meu tío? —preguntou Dimas, case que berrando, cambiando a prioridade da discusión, brancos os dedos pola forza que facían sobre do taco.

—Ó teu tío e ós seus amigos démoslles o pasaporte esta mañá. Non merecían outra cousa, igualito que os musiquiños de merda na casa onde iades a me foder os ouvidos cos vosos instrumentuchos.

Esa frase iluminou a bóveda cranial de Dimas. Aquel home de cargo tan importante era Expósito, o xardineiro orfo, seica feito no palleiro, que acolleran os Ferreiros, profesores de música, na súa casa, cando apenas contaba con oito anos de idade. O alcume víñalles polo oficio familiar transmitido de pais a fillos ata que o pai deles decidiu que os fillos tiñan que estudar. Aínda conservaban a forxa, convertida en biblioteca e museo.

Expósito vivía nunha habitación que construíran pra il nunha parte da ferrería e gañaba un xornal coidando a horta, as galiñas, os coellos, o porco e as poucas leiras dos profesores. Aprendéranlle a ler e máis a escribir, aínda que nunca sentiu ningún interese pola música. E cando íamos ensaiar, Expósito encargábase de nos servir unhas galletas e uns vasos de leite.

Dicíase pola zona que era un pouco retrasado, que tivera unha gran sorte ó atoparse cos dous irmaos músicos… e mentres todos estes pensamentos chegábanlle á testa en décimas de segundo, outros amoreábanse detrás deles pugnando por saír á superficie. Dimas non podía crer o que estaba pensando. Levaba anos preguntándose quen matara ós Ferreiros, quen era próximo abondo como para que non puideran fuxir en canto souberan que se estaba matando xente. Pareceu como si Expósito lle lise o pensamento ou iste se reflectira na súa face, porque a man que repousaba sobre a funda de coiro espertou de vagar para empezar a abrir a fibela que suxeitaba a culata da pistola.

Dimas, ó velo, soltou un golpe có taco con toda a forza que pode dar a rabia nun corpo de dazaseis anos. O ar denso e viciado transmutouse en asubío e o taco morreu matando, labras que foron pau, contra a caluga do falanxista. Aínda non chegara a boina vermella ó verde tapete, aínda non se conxelara de todo a ollada de Expósito nin a dos soldados, mudas testemuñas incrédulas, e xa estaba Dimas correndo cara á súa aldea, Mourelos, atravesando os bosques de carballos e castiñeiros, evitando os camiños coñecidos, sen mirar atrás nin parar por nada do mundo…


5% de descuento para los lectores de entreescritores.com en casadelibro

5% de descuento para los lectores de entreescritores.com en casadelibro

Comentarios

Te puede interesar